Eu apaño cun par de croquetas e un iogur

- Eu apaño cun par de croquetas e un iogur.
- En serio? Vas saír a pasear so con eso?
- Que si, non te preocupes mamá, esto é mais que suficiente. Almorcei bastante e para a hora da merenda xa estou de volta.
- Pero se queres fágoche un bocadillo de tortilla francesa, sabes que hai ovos da casa.
- Que non, levo estas croquetas de espinacas e piñóns tan ricas que sobraron de onte... e de postre o iogur!
- Pero filla, leva polo menos unha froita para complementar... paréceme pouca comida.
- Mamá, son grandiña, sei o que comer ou cando facelo... xa non son a túa nena e bastante fixeches xa en poñerte coas croquetas onte no teu estado...
- En serio, filliña... faille caso a esta túa nai e lévate algo de froita... Ah, e non esquezas levar auga!
- Para non escoitarte máis levarei esta laranxa - dixo Sabela botánda ao aire e colléndoa coa outra man - quedas tranquila xa?
- Bueno, non che me chista moito que unha muller soa vaia de paseo ao monte.
- Que non vou soa, mamá. Os cans veñen comigo!
- Paparruchas! Ti pensas que ese can tan delgado vaite defender de algo en caso de apuros? Se é un esqueleto con patas!
- Pero serás! Son galgos e a súa constitución é así... - dixo resignada - Sempre meténdote con Tina e Groucho - colleu as correas e enganchounas aos colares daqueles dous lebreles.
- Ata a tarde filliña, ven antes de que se poña o sol.
- Tranquila mamá - deulle un bico na fronte e despediuse.

Sabela saiu cos dous galgos pola porta da casa, abreu a cancela do xardín e botouse andar polo camiño que levaba ao monte. Aqueles cans tan elegantes eran tímidos pero nada medrosos, xa levaban formando parte da familia dous anos. Tina era unha galga branca con unha mancha atigrada na metade da cara e Groucho era un can negro con patas e fuciño branco. Sabela e os seus cans perdéronse na distancia e adentráronse naquel bosque, cando se alonxaron da carretera Sabela soltou aos seus cans para correteasen en liberdade pola natureza. Tina era máis precavida e mantíñase sempre a unha distancia da súa dona na que non perdía o contacto visual, Groucho correteaba entre os camiños e de vez en cando se perdía seguindo algún rastro. De súpeto o ruido dun disparo rompeu aquela tranquilidade na que so se escoitaban paxaros e o zoar do vento movendo ás árbores do lugar. Groucho, que estaba alonxado da manada voltou correndo coma unha bala e Tina pegouse ás pernas de Sabela.

- Puñeteros cazadores - rosmou Sabela mirando aos seus cánidos.

Continuaron camiñando monte arriba ata chegar ao nacemento dun regato de auga cristalina onde os cans aproveitaron para beber, levaban xa un par de horas de paseo e precisaban un descanso. Sabela sentouse nunha rocha a carón do regato onde daba o sol, abreu a mochila que levaba ás costas botou un grolo da cantimplora e sacou o tuper coas croquetas, despois de comer dúas sacou o iogur, antes de abrilo ofreceulle aos cans unha croqueta que lles prestou moito. Gardou de novo o tuper co resto das croquetas e dispúxose a comezar co iogur mais non o atopou. De súpeto o iogur non estaba ao seu carón, lugar onde o deixara e Groucho acaba de marchar da súa beira para poñerse detrás dun con que había alí.

- Grou, ven... - chamou sabela polo can e este non fixo caso - Ven aquí, anda... Grouchiño, Grou... 

O can seguía detrás de aquel con e non facía nin caso da chamada da humana, mentres Tina agardaba sentada diante coa cabeza ladeada e os ollos espectantes esperando máis comida. Sabela volveu chamar a Groucho pero este facía caso omiso das súas palabras, así que decideu levantarse e ir sixilosa a onde estaba. Ao pasar aquel con puido ver a Groucho tumbando cal esfinxe co iogur entre as súas patas dianteiras e a súa boca chea de un líquido branco. Groucho estábase tomando o iogur e tiña todo o morro enzoufado. En lugar de botarlle a bronca, Sabela escachou a rir:

- Tragabolas! - dixo entre risas - Déixalle algo a Tina, home... non comas ti todo! 

Sabela acercouse e quitoulle como puido aquel iogur feito trizas mentres se enchía a mal de líquido. Tina acaba de chegar e contemplaba a situación movendo a cola, sabía que algo lle ía caer a ela. Repartiu como puido o que quedaba de iogur entre ambos cans e pensou para sí "menos mal que non ten azucre". Gardou o cacharro roto iogur na bolsa que levaba para os desperdicios, sacou a laranxa e dispúxose a comela sentada na rocha onde inicialmente se sentara a comer. Unha vez finalizou o tempo de comida botou outro grolo de auga, gardou todo na mochila e continuaron o paseo. 

Chegaron á cima do monte e baixaron pola outra ladeira, bordearon polos camiños e entre algunha horta ata chegar preto da estrada. Sabela puxo de novo as correas aos seus cans que viñan coa lingua de fora e marcharon para a casa da súa nai. Abriron a cancela do xardín e Maruja saiu ao seu recibimento:

- Que ben filla! Chegáchedes a casa por fin... e coa luz do día.
- Si miña nai, non quería preocuparte máis da conta... como foi o día?
- Pois non moi ben, estiven mirando a televisión e saiu o señor ese que se supón é o presidente do Goberno.
- Si, e que?
- Decretaron o estado de alarma e a partires de mañá non podemos saír á rúa.
- En serio? Xa me tardaban estas medidas...
- Recomendan quedar na casa sen saír e á xente que ten can pode saír o xusto e necesario. Así que polo momento acabouse o de ir ao monte ti soa. - díxolle á súa filla case en ton autoritario - Pero é polo ben común.
- Bueno, terei que voltar á miña casa a pasar este periodo... xa sabes que esta enfermidade afecta gravemente á xente maior, así que agora vas ser ti quen me faga caso a min, mamá.

Comentarios